A un bo O Parrulo escapóuselle o partido nos últimos tres minutos ante un Sala 5 Martorell que remontou e levou os tres puntos por 2-4 na sétima xornada da Segunda División de Fútbol Sala.
O Parrulo recibía na sétima xornada ao Sala 5 Martorell buscando a segunda vitoria da tempada que lles permitise saír dos postos de descensos. Os ferroláns chegaban a esta nova cita do campionato nacional cun balance dunha vitoria, dous empates e tres derrotas, sendo antepenúltimos na clasificación ligueira, mentres que os cataláns eran novenos con dobrete de vitorias, empates e derrotas.
Gerard Casas confeccionou o seu quinteto inicial con Manu Aguayo, Turbi, Rubén Orzáez, Domingos e Nico Rosa, mentres que os elixidos por Adrián Sánchez foron Hurtado, Abdel, Manucho, Óscar Andreu e Juan Fran. O partido comezou co dominio dos ferroláns, tratando de manter a posesión e mesmo probando de lonxe con dous lategazos de Turbi que o gardameta Hurtado logrou deter. O Martorell aguantaba ben pechado atrás e nunha boa saída de Juan Fran, encarou portería pero o seu remate marchouse fóra por moi pouco.
O partido estaba a un ritmo moi frenético e contaba con ocasións por todas as partes, cunha de Novoa nun saque de banda que rexeita Hurtado e unha dobre ocasión para os de Adrián Sánchez por medio de Ibai e Jon que Aguayo consegue despexar co pé. Posteriormente O Parrulo estivo a piques de abrir a lata cunha xogada de Novoa, marchándose da súa marca e servindo para Gonzalo Santa Cruz, pero o seu remate tapábao Hurtado cunha boa intervención de puros reflexos.
O Sala 5 Martorell golpearía cando mellor estaban os galegos en pista nunha desafortunada acción de Nico Rosa na que se lle escapa o balón nun mal control que aproveitaba Adrián Mértens para fusilar a Manu Aguayo no man a man. O gol tranquilizaba os ánimos dos locais e o partido baixaba o ritmo durante uns minutos nos que ambos os conxuntos mostrábanse un tanto imprecisos.
Conforme se achegaban os últimos minutos do primeiro acto o partido volvía subir a intensidade, e máis cos cataláns acumulando a quinta falta con catro minutos aínda por diante. O Parrulo volvía ter o dominio ante un rival que trataba de facer dano coas contras, pero a ambición dos ferroláns obtivo o seu premio en forma de gol cando Nico Rosa resarcíase do fallo anterior e conseguía bater a Hurtado cun forte disparo cruzado a media altura desde fóra da área. A alegría aínda sería maior cando os de Gerard Casas conseguían a vantaxe no marcador cun dobre penalti tras unha falta cometida sobre Iván Rumbo a falta de trinta segundos para chegar ao intermedio. Novoa sería o encargado de executalo e superaría a Hurtado cun disparo raso e axustado ao pau.
Os dous equipos percorrerían os corredores de camiño aos vestiarios tras brindar un primeiros vinte minutos de bo fútbol para o afeccionado, con accións en ambas as porterías e un ritmo moi dinámico no que O Parrulo lograba irse cunha vantaxe no electrónico de 2-1.
A segunda parte mantivo aos dous equipos moi eléctricos e os ferroláns tiveron unha clara ao comezo do segundo acto cun pase da Gonzalo Santa Cruz que remata fóra de tacón Iván Rumbo. A formulación táctica era clara, cos locais buscando a presión alta e os visitantes buscando facer dano con rápidas transicións á contra.
Adri Térmens roldou o empate nunha xogada individual, pero Starna, que era o gardián da portería ferrolá neste segundo período, tapou moi ben os espazos e sacou unha boa perna para evitar o tanto rival. O Parrulo respondeu pronto a esta ocasión cunha boa parede entre Nico Rosa e Domingos, rematando este último e marchándose o balón fose lambendo o pau. Novamente serían os locais quen metese o medo no corpo aos rivais cun balón longo de Orzáez para Rumbo, que engancha de primeiras pero Hurtado rexeita co pé e Gonzalo Santa Cruz non chegou por moi pouco para empuxala.
O Parrulo levaba a batuta do xogo e terían unha nova dobre ocasión para poñer o terceiro no marcador e deixar moi encarrilado o partido, pero o remate de Turbi estrelábase no traveseiro da meta defendida por Hurtado e no rexeite Rubén Orzáez non conseguía enganchala. Os ferroláns perdoaban moito e o partido estaba moi aberto polo axustado do marcador. Lenny puido facer a igualada nunha boa presión na que terminou encarando a Starna, pero o gardameta conseguiu repeler o balón.
Os últimos minutos eran un correcalles, con O Parrulo buscando a sentenza e o Sala 5 Martorell igualar a contenda, e serían precisamente os visitantes quen nunha contra lograsen o empate cunha contra que culminou Manucho cun disparo cruzado desde a banda ante o que nada puido facer Starna. Os ferroláns, lonxe de vir abaixo por esta poutada, tiveron unha boa ocasión para volver adiantarse, pero o disparo afastado de Domingos estampábase contra o traveseiro.
Ás veces o fútbol é moi cruel e nesta ocasión foino, os locais estaban a callar un gran partido pero o destino outorgou un novo tanto aos visitantes con outra contra de Abdel. Con nada que perder, Gerard Casas apostou por Domingos como porteiro-xogador, pero nunha nova perda ferrolá Héctor sentenciaba disparando desde a súa área a porta baleira. Co resultado de 2-4 o partido chegaba ao seu fin nun gran partido dos ferroláns, pero que non tiveron o premio desexado tras uns últimos minutos nos que o Martorell conseguiu levar o gato á auga.
A próxima xornada, que será a oitava, os ferroláns terán que visitar ao conxunto madrileño do CD Leganés para tentar reverter a situación en busca desa ansiada e necesitada segunda vitoria da tempada.
O PARRULO: Manu Aguayo, Turbi, Rubén Orzáez, Domingos e Nico Rosa; tamén xogaron Victor Montes, Iván Rumbo, Novoa, Gonzalo Santa Cruz, Berto, Morgato e Mati Starna.
SALA 5 MARTORELL: Hurtado, Abdel, Manucho, Óscar Andreu e Juan Fran; tamén xogaron Ibai, Adri Térmens, Jon, Héctor, Antoñito e Lenny.
GOLES: 0-1 Adri Térmens (9′), 1-1 Nico Rosa (17′), 2-1 Novoa (19′ dobre penalti), 2-2 Manucho (36′), 2-3 Abdel (38′) e 2-4 Héctor (39′).
ÁRBITROS: Gael García Schmid, Vïctor Toca Campo, Miguel Jesús Rodríguez Pontanilla e Clara Díez Gil. Amoestaron ao local Iván Rumbo (9′) e aos visitantes Adri Térmens (30′), Juan Fran (31′) e Jon (37′).
INCIDENCIAS: Partido da 7ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no Pavillón A Malata.