A UD Paiosaco chega ao parón de Nadal situado na 9ª posición na zona media da clasificación da Terceira RFEF. Con 4 vitorias, 6 empates e 4 derrotas os da Porta Santa viven un bo momento na categoría.
O seu adestrador, Diego Armando García analiza a situación do equipo e da categoría cando faltan tres partidos para finalizar a primeira volta da competición.
BX: Como valoras a tempada da UD Paiosaco ata o momento?
DA: Podemos estar satisfeitos co rendemento do equipo ata o momento, aínda cos nosos altibaixos fomos un equipo competitivo de maneira regular, que é o noso obxectivo realmente. Para conseguilo foi clave unha liña continuista con respecto a tempada pasada e por suposto o compromiso e a ilusión de todas as incorporacións que se sumaron nesta tempada.
BX: Como valoras estes primeiros meses da Terceira RFEF?
DA: A igualdade na categoría é evidente, equipos feitos para gañar como o Bouzas ou Arosa vese que lles esta a costar moito sumar de tres en tres, é unha Liga realmente disputada onde todo decidirase nas últimas xornadas, a permanencia vai estar moi cara. Na parte alta, vexo ao Bergantiños cun nivel superior ao resto de equipos da categoría.
BX: Que agardas do Paiosaco a curto – medio prazo?
DA: Temos un claro obxectivo de recuperar o antes posible a xogadores como Cristian, Véntola, Raña ou Eiroa. Cústanos completar as convocatorias e necesitamos do nivel destes xogadores para todo o que nos ven por diante. Por outra parte, no que se refire ao nivel xeral do equipo agardamos manter o nivel amosado no último partido de maneira regular e ser capaces de plasmalo na casa coa nosa xente, para dedicarlles a primeira vitoria como locais no partido ante o Barbadás. Realizaremos dúas sesións de carga antes de finalizar 2023, xa na primeira semana do 2024 prepararemos con catro sesións de adestramento o encontro ante o Barbadás do día 7 de xaneiro.
BX: Moitas grazas pola atención, Diego Armando, e Felices Festas
DA: Moitas grazas a vós e Felices Festas para todos.