O Atlético Arteixo chega ao parón de Nadal situado na 13ª posición con 17 puntos, tras 3 vitorias, 8 empates e 3 derrotas.
O rei do empate da categoría atópase 5 puntos por enriba dos postos de descenso e 6 puntos pos debaixo dos postos de Play Off de Ascenso. Falamos co seu adestrador, Juan Riveiro quen nos analiza esta primeira parte da temporada, cando faltan 3 xornadas para finalizar a primeira volta da Terceira RFEF.
BX: Como valoras a tempada da Atlético Arteixo ata o momento?
JR: A nota para o equipo é un 6,5 ata o momento, xa que nos faltan por mellorar varias cousas. Si que é verdade que co paso das xornadas fomos collendo mais confianza no noso xogo, pero aínda non somos o equipo da segunda volta da pasada tempada, que é ao que aspiramos. As claves que nos están a penalizar está sendo unha falta de eficacia que estamos tendo, xa que creamos moitas ocasións, pero materializamos moi poucas. No aspecto positivo somos un equipo forte no aspecto defensivo, levamos 13 goles encaixados, sendo un dos equipos menos goleados da categoría, encaixando menos de un gol en contra por partido, algo moi importante para todo equipo que aspire a competir por estar arriba e non pasar apuros. Ao equipo fáltalle dominar mellor o final dos partidos e saber pechalos un pouco antes para non chegar con resultados tan axustados ao final dos encontros, pero a falta de eficacia é o que mais está nos está a penalizar. Nestas 14 xornadas soamente deixamos de competir ante o Barbadás onde caemos por 0-3, as outras dúas derrotas foron en Somozas por 1-0 sendo competitivos onde caemos por un penalti ou en Ourense onde perdemos 2-1 tendo tamén o equipo rival dous penaltis ao seu favor, e non fomos capaces de superar esas situacións.
BX: Como valoras estes primeiros meses da Terceira RFEF?
JR: A categoría non me está a sorprender en absoluto, é unha categoría que coñezo, unha categoría moi igualada, quizais esta tempada mais que outras porque os equipos ascendidos están rendendo a un gran nivel, así como outros dos que agardábase mais non están rendendo ao nivel esperado. Nas primeiras posicións están os equipos que eu daba como favoritos antes de comezar a tempada, a excepción do Arousa e coa incorporación do Alondras ou do Somozas que están a facer unha gran temporada. Outros como o Rápido de Bouzas ou o Arousa non están polo momento dando a medida agardada. Na zona baixa está todo como sempre moi parella, con moitos equipos en poucos puntos, a excepción do Arzúa que xa o ano pasado tivo problemas e salvouse gracias a reestruturación da categoría, aínda que na pasada xornada conseguiu a súa primeira vitoria e penso que co paso das xornadas conseguirá meterse de cheo na loita pola permanencia.
Un aspecto que quería destacar da categoría e o mais que interesante nivel da arbitraxe no 99% dos casos, o coñecemento e o respecto mutuo entre colexiados e adestradores motiva un gran nivel e unha gran diferencia entre o nivel da arbitraxe na Terceira RFEF e na Preferente Galicia, onde penso que non se dan eses condicionantes. É un aspecto que me parece xusto resaltar, xa que penso que é moi positivo para todos.
BX: Que agardas do Atlético Arteixo a curto – medio prazo?
JR: Estaremos de vacacións de Nadal dende o 20 de Decembro ata o 2 de Xaneiro, neste tempo agardo que os xogadores desfruten das súas familias como merecen, aínda que tamén levan un plan de traballo individualizado para chegar a volta do parón da mellor forma posible. Temos tres partidos complicados despois do parón, sendo o primeiro un encontro ante a Sarriana a domicilio, un rival ao que estamos moi pegados na clasificación e onde os dous equipos buscaremos gañar para marcar distancia. Os dous seguintes serán partidos complicados ante o Arousa na casa e ante o Bergantiños en Carballo para finalizar a primeira volta, pero o meu equipo é competitivo e sempre da a cara en todos os partidos, polo que agardo que poidamos finalizar a primeira volta na zona tranquila da táboa. Se o conseguimos, na segunda volta agardo que podamos mellorar a racha de empates, que son moitos e convertelos en vitorias, que foi o que fixemos na segunda volta da tempada pasada, para que si os demais equipos se despistan aspirar a entrar no Play Off de Ascenso. De caso de non ser así, poder pasar cando menos unha segunda volta da competición tranquila, sen os apuros de ter que mirar en exceso para os postos de descenso. Pero para conseguir todo iso, temos que mellorar a nosa eficacia de cara a portería rival, seguir sendo moi serios defensivamente e intentar ganar por fin un partido na casa, algo do que non fomos capaces na primeira volta.
BX: Moitas grazas pola atención, Juan Riveiro, e Felices Festas
JR: Moitas grazas a vos e Felices Festas para toda a familia de Bisbarra en Xogo.