José Manuel Martínez “Secho”: «A importancia de todo o plantel será clave para a consecución dos obxectivos»

Chega o Bergantiños ao parón de Nadal como líder da Terceira RFEF en posto de ascenso directo a Segunda RFEF, con 31 puntos, tras 9 vitorias, 4 empates e soamente unha derrota.

Os de Carballo superan en 2 puntos ao RC Celta “C” que é segundo e en 8 puntos a UD Somozas, equipo que ocupa o quinto posto, o último que da o pase a Fase de Ascenso. Falamos co adestrador do equipo de As Eiroas, José Manuel Martínez “Secho” que nos fai un análise da situación do equipo e da categoría cando faltan 3 xornadas para finalizar a primeira volta.

BX: Como valoras a tempada do Bergantiños ata o momento?

SE: Dende o corpo técnico facemos unha valoración positiva do que levamos de tempada, non é nada definitivo porque o que conta é ao final da mesma, pero si valoramos estar ben posicionados na clasificación no sentido que apórtanos enerxía e confianza para seguir medrando como equipo. As claves deste bo inicio son o compromiso e responsabilidade dos xogadores, así como entender a importancia de todo o plantel para a consecución dos obxectivos. Por último engadiría que a acumulación de adestramentos e partidos vai permitindo un maior coñecemento entre todos os xogadores, provocando unha maior fluidez no xogo.

BX: Como valoras estes primeiros meses da Terceira RFEF?

SE: Destacaría da categoría a dificultade para gañar cada un dos partidos, a capacidade que hai que ter para adaptarse aos diferentes escenarios e a importancia de traballar os partidos dende o principio ata o final con tranquilidade e esixencia. No que se refire as posicións dos equipos na clasificación non faría moitos análises, xa que todo está aínda por decidir.

BX: Que agardas do Bergantiños a curto – medio prazo?

SE: Aínda que agora mesmo estábamos nunha boa dinámica de resultados e crecendo en diferentes aspectos do xogo, creo que o parón de Nadal ven ben para desconectar, reflexionar sobre o proceso e seguir preparándose para o que está por chegar. Volveremos a adestrar a semana do 26 ao 30 de decembro e xa logo a semana do 2 ao 5 de xaneiro será unha semana normal para preparar o regreso a competición ante o Alondras CF en As Eiroas coa nosa xente, así como o resto de partidos ilusionantes que teremos a volta das vacacións.

En canto aos obxectivos a curto prazo, poñeremos o foco en potenciar e perfeccionar aspectos relacionados coa nosa forma de xogar, nos diferentes momentos do xogo. Por poñer un exemplo un obxectivo que nos marcamos sendo un equipo que busca a portería contraria con determinación, é o de ser tamén o conxunto que menos encaixe. Para conseguilo o equipo ten que estar sempre moi ben situado no momento da perda do balón, reorganizarse rápido cando non poida recuperar de inmediato, saber reducir espazos, saber xogar coa liña alta para defender lonxe da portería, etc.

BX: Moitas grazas pola atención, Secho, e Felices Festas

SE: Moitas grazas a vós pola atención e visibilidade a categoría e Felices Festas para toda a familia de Bisbarra en Xogo.

Foto: Bergantiños FC

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas