Ruth Fuentefría (Carballo, 19 anos) é unha atleta do Club Halterofilia Coruña con raíces en Carballo, onde pasou a súa infancia e a onde intenta acudir sempre que os seus compromisos o permiten.
Desde ben pequena foi unha gran afeccionada ao deporte e tras unha proba no colexio probou con 13 anos na Halterofilia onde pronto comezou a medrar e a destacar. Con 15 anos ingresou no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Madrid onde compaxinou os seus estudos na ESO coa súa formación e preparación deportiva. De Madrid pasou ao CAR de León onde adestra de luns a sábado con 3 días a dobre xornada e outros 3 de mañá, compaxinando os esixentes adestramentos coa formación académica, xa que estuda un Ciclo Medio de Deseño a distancia.
UNHA DEPORTISTA MOI LAUREADA
A haltera de Carballo obtivo durante a súa traxectoria medallas de prata e bronce no Europeo sub-15, medalla de bronce no Europeo sub-17, medalla de prata no Mundial sub-17 e medalla de bronce en tres Europeos Junior.
Neste último trimestre participou en dous Mundiais, o Mundial Senior no mes de setembro en Arabia Saudí no que acadou unha meritoria sexta posición, tendo en contra que competiu con rivais mais veteranas chegadas de todas as partes do mundo. En Arabia Ruth fixo marcas de 64 kg en arrancada e 80 kg en dous tempos. De Arabia Saudí pasou ao Mundial Junior de México. Na cidade de Guadalajara, Ruth conseguiu levantar 66 kg en arrancada, a súa maior especialidade na que finalizou en quinta posición. En dous tempos quedouse nos 77 kg que non lle permitiron entrar entre as finalistas da competición, quedando a de Carballo cun sabor agridoce pero moi orgullosa do traballo feito nos últimos meses que veñen a reafirmar a gran traxectoria e prometedor futuro desta deportista local.
«ESTOU ORGULLOSA DE LEVAR O NOME DE CARBALLO E DA COSTA DA MORTE POR TODO O MUNDO»
“Estou moi ligada as miñas raíces e intento pasar en Carballo todo o tempo que me permiten as miñas obrigas profesionais. Estou moi contenta do conseguido no Mundial Junior e con ganas de volver a competir canto antes na Copa da Raíña por equipos. A miña ilusión e competir algún día nuns Xogos Olímpicos. Quero aproveitar para agradecer todos os ánimos e cariño que chegaron desde toda a Costa da Morte durante estes últimos meses onde tiven que afrontar dous Mundiais de maneira consecutiva”.