Tras seis tempadas defendendo a portería do Meicende, chegou ata As Pontes Juan Amor Rey (A Coruña, 1992), un “parapenaltis” ao máis puro estilo Diego Alves ou Pepe Reina e con gran capacidade de liderado para facerse amo da retagarda pontesa, avalado por unha gran traxectoria en clubs como o Sporting Sada, Torre, Sin Querer, Marte, Portazgo e Sporting Coruñés.
Que é o que máis te chamou a atención para fichar polo club pontés?
Pois tiven moitas chamadas ao dicir que saía do Meicende, de feito, recibín a do Silva de 3ª RFEF, adestrei con eles un par de semanas, pero finalmente non se deu. Así que non tiven dúbidas de que se non se daba o Silva, ía ir a As Pontes. O que máis me convenceu de alí foi a predisposición por parte de As Pontes para que fora, para ficharme e ser un equipo clásico do fútbol galego, quería vivir a experiencia de xogar fóra da zona da Coruña, aínda que fora nunha liga que xa coñezo dabondo.
De toda a túa carreira, que parada é a que máis lembras con agarimo?
Paradas especiais, moitas! Tiven a sorte de parar bastantes penaltis que serviron para que o equipo levase os tres puntos. Se tivese que quedarme cunha, recordo con agarimo un partido contra o Boimorto que me saíu todo redondo, e se fosen partidos con agarimo, o que máis gocei sen dúbida, a pesar de xogar unha final de Copa en Riazor, foi unha final de playoff de ascenso co Meicende contra o Meirás. Xogabamos de visitantes e metemos máis de 500 persoas. Unha tolemia para a categoría que é.
Como lida un porteiro coa presión de ter o posto de maior responsabilidade?
A min persoalmente gústame ter o foco de atención en min, así libero de presión aos meus compañeiros e iso sempre lles facilita as cousas. Canta máis presión, máis me crezo. Quizá vaia ligado coa miña personalidade, estou a ordenar todo o partido, dando instrucións e demais, para ter ao equipo ben ordenado e que nos cheguen o menos posible. Eu creo que iso se ten ou non se ten, non se pode adestrar.
Foto: sadmoody241




