O Baxi pecha unha fase de grupos na EuroCup Women con autoridade

A escuadra ferrolá asinou unha noite redonda ao sumar o pleno de vitorias tras derrotar ao Zaglebie Sosnowiec por 92-49.

Desde o primeiro partido da fase de grupos, o Baxi Ferrol deixou claro que non viñera a cumprir, senón a impoñer. O equipo dirixido por Lino López logrou selar un momento europeo perfecto cun pleno que evidencia un bloque compacto, con talento, enerxía e ambición que lles levou a erixirse como un dos poucos equipos que lograron pechar a fase previa ás eliminatorias con todo vitorias.

O encontro non fixera máis que comezar e o Baxi xa deixaba claro que quería marcar territorio desde o primeiro segundo. Cun ritmo vertixinoso e unha intensidade defensiva que rozaba a perfección, as ferrolás asinaron un primeiro cuarto para enmarcar, demostrando porqué son un dos equipos máis alegres e valentes da competición. En defensa o equipo era un muro infranqueable, presionando sobre a liña de pase que forzaban erros aos seus rivais e intensas ante o rebote, mentres que en ataque, o equipo dominaba desde a liña de tres con Joiner, Millán e Sotolova como protagonistas, e con Lay Daniels mostrando a súa fortaleza e acerto baixo o aro, pechando o primeiro acto cun 24-12.

Se o primeiro cuarto deixara boas sensacións, o segundo foi directamente unha declaración de intencións da escuadra ferrolá. As de Lino López saíron do banco cunha marcha máis, dispostas a transformar o seu bo inicio nun dominio real do partido. O equipo seguía demostrando unha solidez defensiva impecable con Ine Joris dominando o rebote defensivo e con Sotolova sacando a relucir todo o seu repertorio para deixar ao Baxi dobregando aos seus rivais no marcador cun resultado de 51-24.

Tras a volta ao rodo, o Baxi arrincou máis relaxado pola ampla vantaxe no electrónico ante unhas rivais que non terminaban de crer nunha posible remontada. Co paso dos minutos, as locais foron quentando a boneca e subindo revolucións. A metade do período, o equipo xa circulaba o balón con máis fluidez, buscando vantaxes e atopando mellores seleccións de tiro. Joiner e Sotolova mostraban o camiño das de Lino López, mentres que en defensa volvían recuperar a solidez, propiciando moito perdas ás rivais, finalizando o cuarto cun contundente 67-35.

Co partido encarrilado tras tres cuartos de dominio, o Baxi afrontou os últimos dez minutos cunha mestura perfecta de serenidade, concentración e orgullo competitivo. Non necesitaba arriscar, non necesitaba forzar, só tiña que culminar o traballo dunha gran noite. As ferrolás dominaban desde o tiro exterior e con penetracións interiores cara a canastra, o equipo estaba a gustarse sobre a pista e iso animaba a un público totalmente entregado e que quería máis e máis. Precisamente, os afeccionados coreaban ao unísono pedindo a entrada da canteirá Elena Baldonedo, e Lino non fixo esperar aos seus, concedéndolle á nova xogadora os últimos tres minutos de partido, que no seu primeiro balón asistía para que Sotolova anotase un triplo desde a súa casa sobre a bucina do tempo de posesión. Finalmente, o Baxi Ferrol remataría o partido cun 92-49, poñendo o broche de ouro a unha fase de grupos impecable como líder invicto e á espera da primeira eliminatoria.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 92-49 Zaglebie Sosnowiec

BAXI FERROL: Karla Erjavec (8), Elena Rodríguez (6), Moira Joiner (15), Blanca Millán (6) e Lay Daniels (12); Alba Sánchez-Ramos (10), Claire Melia (4), Karolina Sotolova (21), Clementine Samson (5), Ine Joris (5) e Elena Baldonado (0).

ZAGLEBIE SOSNOWIEC: Sydney Taylor (8), Matea Tadic (2), Martyna Pyka (13), Catherine Reese (17) e Maria Burliga (9); Klaudia Niedzwiedzka (0), Aleksandra Kuczynska (0), Ewelina Jackowska (0) e Natalia Kurach (0).

CUARTOS: 24-12; 51-24 (27-12); 67-35 (16-11); 92-49 (25-14)

ÁRBITROS: Ali Sakaci, Jules Gaduel e Skirmantas Letukas. Sinalaron 7 faltas persoais a favor do Baxi Ferrol e 17 en contra.

INCIDENCIAS: Sexta e última xornada da fase de grupos da Eurocup Women celebrada no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas