Lore Saavedra: “A tempada vai ser moi esixente”

A goleadora do Maniños, Lorena Saavedra Núñez (Ferrol, 1989), cumpre a súa terceira tempada no club, sendo unha xogadora rápida, con regate e sublime definición ante a portería rival, contando na súa traxectoria con equipos como o Narón e o Racing.

Que é o que máis che motiva de defender a camiseta do Maniños?
O que máis me motiva é saber que formo parte da historia do club, un dos pioneiros no fútbol feminino da comarca. Sempre foi unha honra axudar ao equipo para conseguir máis logros. Aquí dentro fanche sentir como na casa, en familia. E á fin e ao cabo é unha das bases para demostralo no campo. Estou moi contenta de formar parte deste equipo e do que conseguimos, e sobre todo das grandes persoas que me levo.

Como ves ao equipo para pelexar outra tempada pola permanencia?
Creo que a tempada vai ser moi esixente posto que esta liga conta con equipos que xogan ben ao fútbol e con experiencia. Non estamos a ter un inicio como desexabamos, xa que as lesións non dan tregua e co matiz de contar cun corpo técnico novo que está a nos coñecer e moldeando ao equipo para dar o mellor de cada unha. Quitando iso, reforzámonos ben e temos bo equipo e sempre imos estar aí loitando cada partido, apoiándonos e adestrando o mellor posible, como fixemos sempre. Así que estou convencida que cando recuperemos a todo o persoal seremos un equipo duro de roer.

Cal dirías que foi o teu gol máis especial?
Para min cada gol é especial porque serve para axudar ao equipo para lograr a vitoria e á fin e ao cabo sen elas non sería posible. Pero se teño que quedar con algún, diría que os goles que logrei nun partido clave polo ascenso a esta categoría.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas