Non hai un só recuncho na Costa que non escoitase falar do ariete Martín Fuentes Santos (Baio, 1990), coñecido como Martín MC.
É un xogador que estivo sempre no Baio, menos unha tempada, a 2020/21, na que non competiron polo Covid e vestiu a indumentaria do Atlético Arteixo. O capitán é un dianteiro forte, con gol e gran disparo grazas ao seu traballado tren inferior, e para as xeracións dos anos 80-90, viría ser un Francesco Totti polo seu amor e lealtade ao seu equipo de toda a vida.
Que significa para ti o Baio?
Para min, o Baio é un sentimento especial. Ao final, ao ser do pobo e desde pequeno desexar xogar no club, pois fai que teñas ese cariño tan grande.
Como xurdiu a paixón por defender a elástica branquiazul?
Empezar a adestrar con cinco anos e despois ir ver todos os domingos o Baio ao Platas, xogar nas categorías inferiores e ver eses xogadores que estabas desexando xogar con eles como Martín, Santi Bomar, Gerardo, etc., creo que foi o que máis axudou a ter esa paixón.
Como é a vida de Martín MC fóra do terreo de xogo?
A verdade é que agora moi tranquila, traballar e sobre todo intento pasar o máximo de tempo coas dúas peques que temos e gozar da familia e os amigos.
Que che está parecendo o nivel da liga costeira esta tempada?
O nivel non me sorprendeu porque ao final a Liga da Costa é moi competitiva e sobre todo gañar fóra da casa en todos os campos é difícil, pero digamos que o que máis me sorprendeu foi o nivel de solidez que demostrou o Camariñas ata agora.
Cal dirías que foi o teu mellor gol ao longo da túa carreira?
A verdade é que tiven a sorte de marcar goles bonitos. Se teño que dicir un, quédome cun que metín ao Corme co que sentenciabamos a Liga da Costa ese ano.
Foto: Neypa Fotografía




