Tras sete tempadas defendendo a portería do Victoria CF, Noelia Pérez Sierra (Carral, 2004) decidiu deixar as luvas ao carón e fichar polo CD Cariño no rol de dianteira.
Cunha traxectoria que iniciou no Carral xogando con nenos cando era pequena durante dúas tempadas, seguiu a súa progresión no Orzán á idade de dez anos, onde estivo tres tempadas para regresar posteriormente ao Carral, que acababa de fundar o seu equipo senior feminino, seguindo polo Victoria e finalmente chegando no mercado de inverno ao conxunto cariñés, onde está a demostrar que é toda unha “killer” da área.
Como foi a decisión de colgar as luvas e probar de xogadora?
Pois a verdade que a decisión de colgar as luvas é algo que me chegou un pouco de improviso. Si que é verdade que do club de onde veño estaba un pouco queimada co tema da portería, pero nunca me propuxen colgar as luvas, ata que, falando con Andrea Novo, a capi, e outras xogadoras que xa coñecía do Cariño dixéronme “buah, pois nos virías ben de xogadora, que necesitamos a alguén arriba para tentar meter goles” e xa despois falándoo con Abel, o adestrador, tamén pensaba o mesmo, porque de porteira xa temos a Tamara que o fai bastante ben. Entón veume un pouco de sorpresa esta decisión, pero non me arrepinto para nada, de feito, agora pásoo moito mellor arriba.
Por que elixiches o Cariño?
Pois a elección foi un día en Coruña que as fun a ver xogar contra o Eirís na primeira volta. Eu xa coñecía a algunhas xogadoras como Andrea Novo e a xente de Cariño porque veraneo moito por alí, e sempre tiña a coña con ela de que eu ía acabar no Cariño cando me fose do Victoria, e entre coña e coña, pois ao final… Pero foi unha elección difícil xa que outros equipos tamén me abriron as súas portas, pero fun pensando en frío ao longo das semanas e dixen “se quero volver gozar do fútbol creo que non hai mellor equipo que o Cariño”, e non me equivoquei, a verdade. Ao final necesitaba volver confiar en min mesma, a sentirme querida e a gozar, porque no meu anterior club non estaba ben, entón pensei que o Cariño podíame achegar todo iso.
Como ves o nivel da Terceira Galega?
Si que é verdade que vindo de 3ª REFF noto moita diferenza de nivel con respecto á 3ª Galega, ao final paso dunha liga na que se busca competir, a unha na que moitos equipos están en formación, pero creo que é unha liga onde se pode dar calquera tipo de resultado ou sorpresa, podes perder contra as últimas ou mesmo gañarlles ás primeiras, pero creo que iso tamén dá un xogo e un espectáculo distinto e gústame. En 3ª REFF espéranse xa uns resultados fixos e por exemplo en 3ª Galega ata que xogas o partido non sabes o que vai pasar. Tamén me sorprendeu o nivel dalgunhas xogadoras, non pensas que algunhas vaian saber xogar como o fan porque sempre se tende a menosprezar ás xogadoras desta liga por ser “a última liga”, pero a xente sorprenderíase co nivel que dan algunhas xogadoras.
Esperabas este gran rendemento como dianteira?
A verdade que cando cheguei non me esperaba meter tantos goles, pensaba en volver gozar do fútbol, pasalo ben coas miñas compañeiras e tentar axudar ao equipo, pero xa no meu primeiro partido de liga, cando metín os catro goles, vin que non se me daba tan mal. Despois pasaban os partidos e seguía metendo goles que, coa axuda de todo o equipo, dábannos puntos que antes non se conseguían, entón si que me sorprendín un pouco porque non era o meu obxectivo principal o render así, pero eu son unha persoa moi competitiva e agora teño unhas expectativas moito máis altas, tanto a nivel equipo como a nivel individual, e cantos máis goles poida meter e seguir coa boa media de goles, mellor, e sobre todo se aínda encima axudo ao equipo con eles.
Foto: Sadmoody241