O ruxido da Malata que case derruba ao líder

O Baxi Ferrol acariña a fazaña ante o Casademont Zaragoza nun final de infarto e cae con honra por 67-69 na antepenúltima xornada da Liga Feminina Endesa.

Hai derrotas que non doen. Cando ves que un equipo deixa a alma, que pon ao líder da Liga Femenina Endesa contra as cordas e o obriga a dar todo para levar a vitoria do teu feudo ante unha afección que responde animando cada fin de semana, só queda poñerse en pé e aplaudir. Así poderiamos definir o partido de onte do Baxi Ferrol fronte ao Casademont Zaragoza no trepidante duelo que disputaron ambos conxuntos, no que as visitantes conseguiron levar o triunfo por 67-69 nos últimos segundos e as ferrolás tiveron a oportunidade de empatar na derradeira xogada, pero o balón non quixo entrar.

As de Lino López e as de Carlos Cantero mediron as súas forzas cun primeiro cuarto de intercambio de golpes do que saíu vencedor pola mínima o Casademont Zaragoza por 15-16. As visitantes abriron o partido cun parcial de 0-5 con Vorackova e Hempe como executoras, pero o Baxi respondeu cun 7-0 con Sotolova, un triplo de Joiner e unha canastra de Blanca. A partir de aí, os dous equipos foron respondendo con pequenos parciais ata o resultado definitivo do primeiro acto. No segundo cuarto, a guerra seguiu o mesmo patrón, sen que ningún dos dous equipos conseguise abrir fenda; cando parecía que un podía escaparse, o outro reaccionaba e viceversa, finalizando a segunda batalla cun parcial de 18-18 que deixaba novamente ás mañas por diante por 33-34.

Tras o paso polos vestiarios, o Baxi tivo un momento no que parecía que podía escaparse preto do final do terceiro acto cunha dobre canastra de Sotolova e un triplo de Alba, pero entre Mawuli e Gueye conseguiron reaccionar a tempo, aínda que nesta ocasión o partido quedaba en empate a 50-50 e o parcial era favorable ao Baxi con 17-16. No último cuarto, ningún dos dous equipos cedeu; ambos loitaron sen cesar no seu empeño por levar a vitoria. Abrían a anotación as ferrolás con dous triplos, un de Sotolova e outro de Joris que deixaban un bo escenario por diante, pero unha vez máis as visitantes responderon ao instante con Gueye e Mawuli á cabeza. O encontro chegaba ao último minuto moi igualado, cunha lixeira vantaxe para o Casademont. O Baxi tiña a derradeira posesión dous puntos por debaixo no marcador, que era de 67-69, e tivo Joiner a última para poñer o empate e forzar a prórroga, pero o lanzamento nesta ocasión non entrou.

O Baxi non levou o triunfo e perdeu a oitava praza, caendo un posto ata a novena e quedando momentaneamente fóra do playoff, pero cando se perde desta maneira, faise coa cabeza moi alta. Agora veñen por diante dúas finais e sen marxe de erro, tendo que enfrontarse primeiro ao Araski a domicilio e recibindo posteriormente ao Leganés, un rival directo, no que as de Lino buscarán o pleno para formar parte das oito que irán ás eliminatorias polo título.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 67-69 Casademont Zaragoza

BAXI FERROL: Karolina Sotolova (13), Moira Joiner (12), Blanca Millán (15), Claire Melia (8) e Lay Daniels (5); Alba Sánchez-Ramos (5), Elena Rodríguez (0) e Ine Joris (9).

CASADEMONT ZARAGOZA: Mariona Ortiz (0), Merrit Hempe (19), Nadia Fingall (9), Ornella Bankole (2) e Veronika Vorackova (12); Carla Leite (6), Laia Flores (0), Helena Pueyo (0), Nerea Hermosa (0), Aminata Gueye (12) e Stephanie Mawuli (9).

CUARTOS: 15-16; 33-34 (18-18); 50-50 (17-16); 67-69 (17-19).

ÁRBITROS: Antonio Manuel Zamora Rodríguez, Francisco González Cuervo e Marc García Santos. Sinalaron 18 faltas a favor do Baxi e 18 en contra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 28ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas