As ferrolás perderon ante un dos equipos punteiros, o Spar Girona, por 46-69 na 19ª xornada da Liga Feminina Endesa.
O Baxi Ferrol chegaba á 19ª xornada cun rexistro de nove vitorias e nove derrotas, buscando conseguir un balance positivo. En fronte tiña un dos rivais duros como é o Spar Girona que viña cun doce a seis en vitorias e derrotas.
O primeiro cuarto arrincou irresistible por parte das catalás, que asinaban aos catro minutos de xogo un resultado de 2-14, logrando Gala Mestres a única canastra das locais. Lino recorreu a un tempo morto para tratar de arengar ás súas e reverter a situación. A reacción das ferrolás non se fixo esperar, arrincando cunha canastra de Ángela Mataix e un triplo de Jessica Féquière que obrigaba ao Spar Girona a solicitar tempo morto. Tras este pequeno descanso en que ambos os equipos recibiron instrucións dos seus respectivos técnicos, as visitantes volveron mostrarse con maior acerto ofensivo e levaron o primeiro cuarto co resultado de 13-24. Féquière, con 3 puntos e Tolo, con 6, eran as máximas anotadoras ata o momento.
No segundo cuarto os dous conxuntos non lograron anotar en varios ataques e sería o Girona quen, por medio de Gardner, anotase a primeira canastra cun triplo aos dous minutos de xogo. Howard sumaría os primeiros puntos das ferrolás tras unha dobre oportunidade na que primeiro lanza en suspensión, non anota, captura o seu rebote e á segunda encestaba. Co paso dos minutos, o Girona íase mostrando superior, mostrando unha enorme efectividade desde a liña de tres e fallando moi pouco nas súas accións ofensivas, levándose novamente o cuarto e aumentando a vantaxe cun resultado de 24-41. Por parte das locais e con 5 puntos, as máximas anotadoras eran Gala Mestres, Ángela Mataix e Rachel Howard, mentres que Magali Mendy sumaba 12 para as visitantes.
Tras o paso por vestiarios os dous equipos volverían medir para disputar o terceiro cuarto, comezando o Girona novamente a tomar o mando con dúas canastras consecutivas, unha delas desde a liña de tres. Posteriormente dous tiros libres de Tolo daba ás catalás un parcial de 0-7 nos dous primeiros minutos de xogo que aumentarían ata os 9 nun roubo de Mendy que marchou soa a canastra tras roubar a pelota. Despois desta acción chegaría a primeira canastra cun triplo de Ángela Mataix e que no seguinte ataque ferrolán volvería ser protagonista repetindo a mesma acción. As de Lino reaccionaron e protagonizaron uns marabillosos últimos minutos sendo unha metralleta desde os triplos, finalizando o cuarto con 42-54. Mataix, con 13 puntos, e Mendy, con 17, eran as máximas anotadoras do partido.
O Baxi arrincou o último cuarto con pouco acerto ofensivo nos primeiros ataques, levándose as visitantes un 0-6 a favor que poñía as cousas moi costa arriba para unha remontada. O último período chegaba ao ecuador sen que as ferrolás anotasen e cun marcador de 42-63 en contra. A omnipresente Ángela Mataix sumaría os primeiros dous para as locais a falta de tres minutos para finalizar o encontro. O Girona non cedía terreo e ao final acabaríase levando o triunfo co resultado de 46-69. Por parte das locais Ángela Mataix foi a máxima anotadora con 15 puntos, mentres que Mendy, con 21, o foi para as visitantes.
Na próxima xornada o Baxi Ferrol visitará o polideportivo Maloste para enfrontarse ao Lointek Gernika Bizkaia.
RESULTADO: Baxi Ferrol 46-69 Spar Girona
BAXI FERROL: Ángela Mataix (15), Gala Mestres (7), Jessica Féquière (3), Myah Selland (0) e Marianne Kalin (2); Rachel Howard (9), Marta Gómez (2), Julie Pospisilova (8), Claudia Soriano (0) e Anniina Aijanen (0).
SPAR GIRONA: Magarity (2), Magali Mendy (21), Ygueravide (3), Bertsch (12) e Tolo (13); Laura Peña (2), Faustine Parra (0), Irati Etxarri (2), Ainhoa (3), Gardner (9) e Labuckiene (2).
CUARTOS: 13-24; 24-41 (11-17); 42-54 (18-13); 46-69 (4-15).
ÁRBITROS: Jacobo Rial Barreiro, Antonio Manuel Zamora Rodríguez e Ariadna Chueca Moreno. Sinalaron 22 faltas, 11 cometidas polo Baxi Ferrol e 11 a favor.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 19ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.