O Baxi Ferrol saca as garras e leva un triunfo de carácter ante o Cadí La Seu

O Baxi Ferrol volve á senda da vitoria cunha traballada vitoria por 73-69 ante o Cadí La Seu tras dominar os tres primeiros cuartos e terminar o partido cun rifado último período.

O Pavillón da Malata vestíase de gala para acoller un duelo cargado de matices e estados de ánimo opostos, co Baxi Ferrol e o Cadí La Seu citándose sobre a pista para disputar a 19ª xornada da liga Feminina Endesa. O conxunto ferrolán afrontaba a cita coa necesidade de reencontrarse consigo mesmo e coa vitoria, decidido a cortar unha dinámica negativa marcada coa recente eliminación na EuroCup Women e dúas derrotas consecutivas na competición doméstica que frearan a súa progresión. En fronte, un Cadí La Seu lanzado, que chegaba á cidade naval nun dos seus mellores momentos do curso, acumulando tres triunfos seguidos na liga e coa confianza polas nubes. Con estes ingredientes, o choque prometía intensidade, emoción e un pulso crave tanto para as aspiracións locais de recuperar sensacións como para  as visitantes de prolongar a súa serie positiva nunha cancha sempre esixente.

Os quintetos iniciais do encontro foron Karolina Sotolova, Moira Joiner, Blanca Millán, Claire Melia e Lay Daniels por parte da escuadra de Lino López, e Ainhoa Gervasini, Ana María Palma, Regina Aguilar, Nahan Niare e Seehia Ridard polas de Isaac Fernández.

O primeiro cuarto estivo marcado pola intensidade defensiva de ambos os equipos, con pouca marxe para as concesións e cada posesión disputada ao límite. Neste contexto de máxima esixencia, foi o Baxi quen logrou impoñer o seu ritmo e sacar rédito no marcador, pechando o período con vantaxe de 17-12. As ferrolás souberon golpear nos momentos clave, chegando a asinar un parcial de 6-0 que lles permitiu abrir brecha e gañar confianza, lideradas por unha Sotolova moi acertada desde o perímetro, liderando o ataque local con 8 puntos e dous triplos.

O segundo cuarto volveu caer ao lado ferrolán, que soubo xestionar os tempos do partido para marcharse ao descanso cunha vantaxe de 35-28 tras un parcial de 18-16. O período inaugurouno Gonzales desde a liña de tiros libres, pero a resposta local non se fixo esperar e chegou en forma dun contundente parcial de 8-0 que fixo despegar ás de Lino López no marcador. O Cadí La Seu reaccionou con carácter e asinou a continuación un 5-0 para volver meterse no encontro, aínda que o Baxi mantivo a calma, defendeu a súa renda e foi impoñéndose lixeiramente co paso dos minutos. De novo, Sotolova foi o gran referente ofensivo, alcanzando xa os 16 puntos ao descanso, protagonizando outros dous triplos neste cuarto, perfecta desde o perímetro cun 4 de 4 que a confirmaba como unha auténtica francotiradora. O cuarto tivo ademais o seu momento anecdótico cando o pavillón quedou ás escuras tras marcharse momentaneamente a luz a falta de pouco menos de dous minutos, o que provocou a reacción do público en forma de aceso de móbiles ao ritmo de «Isto é Ferrol» para animar a noite.

O terceiro cuarto foi claramente para un Baxi moi superior, que deu un paso á fronte e empezou a romper o partido desde o acerto exterior e o control do xogo. O período arrincou como un auténtico concurso de triplos. Sotolova abría o lume co seu quinto lanzamento convertido sen fallo, Raventos respondía desde máis aló do arco, e Melia e Millán sumábanse á festa cun triplo para cada unha. A partir de aí, o equipo ferrolán foi impoñendo a súa lei lixeiramente, subindo un punto máis a intensidade e atopando mellores lecturas en ataque para ir ampliando a distancia no marcador. Nin sequera os esforzos de Niare e Raventos, empeñadas en manter con vida ás catalás, lograron frear o crecemento local. Melia foi unha das grandes protagonistas do cuarto, asinando tres triplos, e o Baxi pechando o período cun claro 55-42 tras un parcilal de 20-14 que reflectía o seu dominio sobre a pista.

O decisivo cuarto arrincou con outro pulso desde a liña de tres, esta vez con Gonzales como protagonista visitante e respondendo Ine Joris desde a mesma distancia. O Cadí La Seu resistíase a baixar os brazos e cun parcial de 0-7 metíase novamente no partido ante un Baxi que se estaba mostrando algo nervioso neste último asalto, estando só tres por encima dos seus rivais a falta de medio cuarto aínda por disputarse. Moira Joiner sumaba un 2+1 que traía certo nivel de calma, pero foi momentáneo, pois con dous ataques consecutivos, as catalás xa estaban a só unha canastra do empate ou dun triplo para poñerse por diante, o que provocaba que Lino solicitase tempo morto en busca das últimas estratexias para encarar o último minuto que restaba de partido. Tras a continuación, Moira Joiner demostrou porqué o baloncesto americano é doutra pasta e cun triplo puxo ao público de novo en pé. Eran segundos de tolemia, con canastra rápida das visitantes, pero un tiro libre de Sotolova a seis segundos de finalizar o partido, sentenciaba o partido con vitoria por 73-69, levándose nesta ocasión o último cuarto o equipo catalán cun parcial de 18-27.

Con esta vitoria, o Baxi poñía fin á dinámica de dúas derrotas consecutivas en liga e seguirá unha semana máis en postos de playoff, sendo Sotolova a MVP do encontro cunha valoración de 22 e á vez, máxima anotadora do encontro con 20 puntos. A escuadra de Lino López visitará o próximo 7 de xaneiro ao Lointek Gernika Bizkaia ás 18:30 horas.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 73-69 Cadí La Seu

BAXI FERROL: Karolina Sotolova (20), Moira Joiner (19), Blanca Millán (9), Claire Melia (12) e Lay Daniels (4); Alba Sánchez-Ramos (6), Ine Joris (3) e Clementine Samson (0).

CADÍ LA SEU: Ainhoa Gervasini (4), Ana María Palma (3), Regina Aguilar (10), Nahan Niare (6) e Seehia Ridard (8); Shaylee Gonzales (16), Marina Mata (14), Mya Hollinshed (0) e Laia Raventos (8).

CUARTOS: 17-12; 35-28 (18-16); 55-42 (20-14); 73-69 (18-27).

ÁRBITROS: Javier Ávila Zurita, Jaime Gómez Luque e Héctor Sanhermelando García. Sinalaron 19 faltas a favor do Baxi e 15 en contra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 19ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata cunha entrada de 1887 afeccionados.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas