O Baxi permítese soñar co playoff tras tombar ao Spar Girona

O conxunto ferrolán sumou unha gran vitoria na casa tras vencer a un dos colosos da liga, o Spar Girona, por 75-67.

A 26ª xornada da Liga Feminina Endesa deixou unha noite máxica para o Baxi Ferrol de Lino López, que chegaba a unha cita esixente ante un dos colosos da competición, o Spar Girona, e facíao coa obriga de sumar unha vitoria para seguir asegurando esa oitava praza na clasificación que outorga o dereito a disputar o playoff. As ferrolás plantaron cara ao conxunto catalán e conseguiron unha gran vitoria por 75-67 tras empatar no primeiro cuarto, dominar o segundo e o terceiro, e ceder o último período.

O primeiro cuarto foi bastante igualado, rematando cun 20-20. Foi un período moi traballado polo Baxi, que viu como nos primeiros compases parecía que o Girona se escaparía no marcador ao abrir unha lixeira fenda con Coulibaly facendo dano baixo o aro e Jocyté desde a distancia. As de Lino López reaccionaron ben mediado o primeiro acto e pouco a pouco foron equilibrando as forzas ata igualar o resultado no marcador. Aínda que sería no segundo cuarto cando a balanza se inclinase favorablemente cara ao lado local. O Baxi amosou o seu enorme potencial e a través de varios parciais protagonizados especialmente por Joiner, letal desde o perímetro, as ferrolás tomaron a dianteira e puxeron unha boa vantaxe antes de tomar o camiño dos vestiarios cun 43-32.

No terceiro cuarto, o Baxi e o Girona protagonizaron bos intercambios de canastras, pero a pesar do poder ofensivo das visitantes, as da cidade naval conseguiron manter a renda e incluso aumentala lixeiramente cun 62-48. Blanca Millán, Moira Joiner, Lay Daniels e Claire Melia protagonizaron as anotacións do Baxi e apagaban calquera intento de reacción das de Roberto Íñiguez. Finalmente, no último cuarto non faltou a emoción: as visitantes querían meterse no partido e aproveitaron uns minutos de desacerto de cara ao aro por parte das ferrolás para recortar distancia. Varias decisións arbitrais moi discutidas pola bancada propiciaron que os últimos minutos se vivisen moi intensos e con todo por decidir, pero finalmente o Baxi recompúxose e evitou calquera susto, levándose a décimo terceira vitoria da tempada.

O próximo duelo tamén volverá ser ante un óso duro de roer, pois o Baxi Ferrol terá que visitar o Roig Arena para medirse ao Valencia, outro dos cocos da competición doméstica, o mércores 8 ás 20:30, mentres que o sábado 11 ás 19:00 horas, as de Lino López afrontarán outro reto difícil recibindo ao Casademont Zaragoza.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 75-67 Spar Girona

BAXI FERROL: Karolina Sotolova (0), Moira Joiner (17), Blanca Millán (18), Claire Melia (11) e Lay Daniels (17); Alba Sánchez-Ramos (2), Elena Rodríguez (2) e Ine Joris (8).

SPAR GIRONA: Carter (7), Carolina Guerrero (7), Juste Jocyté (10), Holm (5) e Coulibaly (20); Pendande (1), Ainhoa López (4) e Merceron (13).

CUARTOS: 20-20; 43-32 (23-12); 62-48 (19-16); 75-67 (13-19).

ÁRBITROS: Jesús Marcos Martínez Prada, Alejandro Aranzana García e Francisco Olmos Ochoa. Sinalaron 19 faltas a favor do Baxi e 19 en contra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 26ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas