As de Lino López venderon cara a derrota por 60-71 ante o Perfumerías Avenida tras protagonizar un gran terceiro cuarto e un bo arranque do último período.
O conxunto ferrolán protagonizou un bonito duelo ante o Perfumerías Avenida na 24ª xornada da Liga Feminina Endesa. O equipo de Anna Montañana dominou os dous primeiros cuartos, e cando parecía que se levarían o partido con comodidade, tras o descanso as de Lino López reaccionaron cun terceiro cuarto impecable e continuaron co dominio durante boa parte do último. Sería nos últimos minutos cando o cadro visitante sentenciaría o encontro cunha vantaxe de 11 puntos.
O primeiro pulso sería para o conxunto salmantino por un 13-24. Ambos equipos arrancaron con moita intensidade e o marcador mantívose moi igualado ata superado o ecuador do cuarto. Porén, as de Anna Montañana lograron abrir unha clara fenda grazas a un parcial de 0-11 liderado por Cave, Claudia Soriano e Magarity. Karolina Sotolova rompería a dinámica das visitantes cun triplo, aínda que Shavonte Zellous respondería practicamente sobre a bucina con outro lanzamento exterior para pechar o cuarto con vantaxe para o Avenida.
O segundo cuarto volveríano levar as visitantes, que aumentarían a renda cun 28-45. Arrancaba o acto cun 0-5 de Claudia Soriano, que estaba a cuallar un gran partido ante o seu antigo equipo. O Baxi reaccionaría ben, protagonizando uns grandes minutos sobre a pista da Malata cun 8-0 que animaba o público a crer na remontada, pero as ferrolás sufrirían un atasco anotador que viría acompañado dun arreón das salmantinas para colocar dous parciais de 0-5 e 0-7 que comezaban a poñer o encontro moi costa arriba.
Ao descanso, Sotolova, pola parte das locais, sumaba 15 puntos, sendo a máxima anotadora do equipo e do partido ata o momento con 13 de valoración, mentres que polas visitantes, a artilleira era Claudia Soriano con 14 puntos e 17 de valoración.
O paso polos vestiarios sentoulle moi ben ao Baxi, que era outro no terceiro cuarto, levándoo claramente cun parcial de 21-11 que as poñía a 7 puntos por debaixo co marcador de 49-56. Arrincaron ben as de Lino cun 5-0 de Daniels e Joiner. A partir de aí producíronse varios intercambios nos que as ferrolás, pouco a pouco, se ían impoñendo neste período, que pechaban Claire e Sotolova cun 5-0, deixando o partido moi aberto para o último cuarto.
O cuarto e definitivo período arrincou da mellor maneira con canastras de Claire Melia e Karolina Sotolova que deixaban o Baxi a un triplo por debaixo. O partido estaba ao alcance, pero un 2+1 de Magarity, seguido dun ataque errado das locais que consumían o tempo de posesión, viña acompañado doutro acerto en ataque de Magarity e de Iyana Martín que as afastaba novamente a 10 no marcador sobre o ecuador do cuarto. Sotolova conseguía romper a seca ferrolá cunha boa penetración cara a canastra e minutos despois Claire Melia deixaba o Baxi a seis puntos por debaixo a falta de minuto e medio por xogarse. O Baxi intentouno ata o final, pero finalmente o Avenida acabaría impoñéndose 60-71, sumando o pleno de vitorias ante o conxunto ferrolán nesta tempada tras os seus dous duelos de liga e dous de EuroCup Women.
Karolina Sotolova, con 24 puntos, foi a máxima anotadora das locais e do partido, mentres que polas visitantes, Cave e Claudia Soriano sumaron 17 puntos, levando Cave o MVP con 27 de valoración.
O domingo 22 de marzo ás 12:00 horas, o Baxi Ferrol visitará o IDK, un dos rivais que perseguen ás ferrolás na loita por meterse no playoff.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 60-71 Perfumerías Avenida
BAXI FERROL: Karolina Sotolova (24), Moira Joiner (8), Blanca Millán (3), Claire Melia (9) e Lay Daniels (7); Alba Sánchez-Ramos (2), Ine Joris (7), Elena Rodríguez (0) e Clementine Samson (0).
PERFUMERÍAS AVENIDA: Iyana Martín (7), Meyers (0), Andrea Vilaró (4), Takacs-Kiss (6) e Cave (17); Regan Magarity (15), Laura Spreafico (0), María Arrojo (2), Zellous (3), Claudia Soriano (17) e Djaldi-Tabdi (0).
CUARTOS: 13-24; 28-45 (15-21); 49-56 (21-11); 60-71 (11-15).
ÁRBITROS: Ángel Antonio Albacete Chamón, Rodrigo Palanca Page e Laura Piñeiro Amondaray. Sinalaron 18 faltas a favor do Baxi e 13 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 24ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata ante 2537 afeccionados.




