O terceiro triunfo consecutivo do Baxi Ferrol chegou con centena

O conxunto ferrolán segue na boa dinámica sumando a súa terceira vitoria consecutiva ao superar ao Spar Gran Canaria por 109-82 na 21ª xornada da Liga Feminina Endesa.

O Baxi Ferrol atravesa un gran momento da tempada coa terceira vitoria consecutiva á conta do pechacancelas Spar Gran Canaria, o que se traduce en once vitorias esta campaña por dez derrotas, un balance positivo que permito ás de Lino López seguir en postos de playoff e coa permanencia matemática cada vez máis preto.

O equipo ferrolán saíu no seu feudo disposto a regalar unha alegría a unha afección sempre fiel que responde con boa entrada no pavillón. Os primeiros minutos foron dun toma e daca, protagonizando parciais de 6-0 en cada canastra, pero a partir de aí, as ferrolás apertaron a correr e o marcador seguía o seu ritmo, levándose o primeiro cuarto cun 30-15, sumando Karolina Sotolova 11 puntos na súa conta persoal e as locais 14 rebotes por 6 das canarias.

O Baxi saíu coa mesma determinación ao segundo acto e a Gran Canaria con moitas dúbidas. Era unha oportunidade para poñer terra polo medio e deixar ben encarrilado o encontro. As locais estaban a cocer a lume rápido a súa undécima vitoria da tempada. As penetracións a canastras de Lay Daniels, o tiro exterior de Blanca Millán, Moira Joiner ou Clementine Samson, entre outras, estaba a causar moitos estragos na defensa rival, e así, conseguían marcharse a vestiarios cun +22 e un resultado de 55-33. Sotolova, con 11 puntos, e Merceron, con 12, eran as máximas anotadoras no ecuador do partido.

Os dous equipos afrontaron o terceiro cuarto con dous obxectivos moi diferentes: o Baxi manter a cómoda renda e o Spar Gran Canaria aproveitar calquera mínima oportunidade de volver meterse no encontro. O crono corría a favor das locais, que seguían mantendo a distancia e respondían a calquera tímida reacción das visitantes, ata que preto do ecuador, un triplo de Joiner aumentaba a renda e o técnico do equipo canario solicitaba tempo morto tratando de cortar a quinta marcha dos seus rivais. Pero non deu resultado, as ferrolás xa estaban co turbo activado e seguiron sumando números no marcador, selando o terceiro asalto cun +32 arriba (84-52).

O partido estaba moi encarrilado e Lino aproveitaba para dar máis minutos ás súas xogadoras menos habituais, entre elas, a canteirá Elena Baldonedo, que xogaba os últimos segundos do terceiro acto e saía de inicio no último cuarto, ou de Silvia Millán. O partido estaba a ser moi cómodo e Clementine Samson estaba a callar unha grandísima actuación, sumando 5 de 7 triplos e o equipo chegando á centena no marcador. Ao final, o Baxi levaría unha gran vitoria por 109-82. A xogadora francesa, Samson, foi a máxima anotadora das locais con 20 puntos, mentres que por parte das visitantes Richardson sumou 23 puntos, sendo o MVP para a súa compañeira George con 24 de valoración.

O vindeiro domingo 22 de febreiro, o Baxi visitará ás 18:00 horas o Pazo Provincial dos Deportes para disputar o sempre apaixonante derbi ante o Ensino.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 109-82 Spar Gran Canaria

BAXI FERROL: Karolina Sotolova (13), Moira Joiner (18), Blanca Millán (9), Claire Melia (9) e Lay Daniels (12); Alba Sánchez-Ramos (6), Ine Joris (16), Elena Rodríguez (6) e Clementine Samson (20), Elena Baldonedo (0) e Silvia Millán (0).

SPAR GRAN CANARIA: Merceron (19), Paula Estebas (2), Richardson (23), Anisha George (15) e N’Diaye (21); Kamara (0), Doumbia (0) e Virjoghe (2).

CUARTOS: 30-15; 55-33 (25-18); 84-52 (31-19); 109-82 (25-30).

ÁRBITROS: Ángel De Lucas De Lucas, Juan Gabriel Carpallo Miguélez e Miquel Remisa Tramuns. Sinalaron 12 faltas a favor do Baxi e 16 en contra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á 21ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde