O Concello da Laracha recibiu ao Club Salvamento Acuático Laracha en homenaxe aos resultados acadados na tempada 2024/25

O SAL logrou 59 medallas en competicións de ámbito autonómico e nacional, e outras oito en competicións internacionais.

O Concello rendeu hoxe a súa homenaxe ao Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) tralos excelentes resultados acadados pola entidade nas competicións de ámbito autonómico, estatal e internacional celebradas na temporada 2024-2025 que finalizou recentemente.

O alcalde, José Manuel López Varela, recibiu oficialmente ao club na Casa da Cultura da Laracha nun acto marcado pola emoción, o orgullo e o recoñecemento ao conxunto dos deportistas, adestradores e directiva que protagonizaron a que foi unha das campañas máis destacadas na historia da entidade.

O SAL consolidouse no top 5 dos clubs galegos de salvamento acuático e tamén referente no panorama estatal. Na temporada recentemente finalizada sumou un total de 59 medallas en competicións autonómicas e nacionais: 28 ouros, 15 pratas e 16 bronces.

Ademais, o seu deportista Sergio Campos bateu dúas veces o récord de España na proba de 50 metros natación con obstáculos en categoría absoluta. E lográronse cinco récords galegos: os dous do cadete Pedro Caamaño en 50 metros maniquí e en 100 metros aletas; o do xuvenil Juan Martín Rodríguez en 100 metros socorrista; o do infantil Simón Caamaño en 100 metros socorrista; e o do equipo mixto alevín formado por Jimena Viturro, Carmen Domínguez, Santiago Martínez e Hugo Bello no relevo socorrista 4×50 metros.

A proxección internacional do club tamén deixou fitos destacados. Sergio Campos, Lucía Añón e David Fraga foron convocados pola Federación Galega para competir en Montpellier, onde lograron seis medallas internacionais. Pola súa parte, Iria Barreiro proclamouse campioa de España xuvenil en sprint praia e acadou unha meritoria 7ª praza na final de bandeiras en Capbreton, competindo contra a elite mundial.

O alcalde da Laracha comezou felicitando á familia do SAL pola excelente temporada na que obtiveron “uns resultados impresionantes” e apuntando que é “unha auténtica marabilla que o nome da Laracha estea tan alto en Galicia, España e tamén nas competicións europeas grazas ao SAL”. O rexedor fixo un percorrido polos principais éxitos individuais e colectivos, cun “número de medallas que impresiona, e que detrás delas hai moito adestramento, esforzo, sacrificio, compañeirismo, e seguro que tamén bos momentos e moitas risas”. Concluíu agradecendo o labor dos dous presidentes da entidade durante esta temporada: o actual, Marcos García, e o que foi ata xaneiro, Pablo Rodríguez.

Precisamente Marcos García tomou a palabra para “agradecer o apoio do Concello e o esforzo de todos os deportistas do club”.

Ademais da súa dimensión deportiva, o SAL tamén destaca pola súa labor social, promovendo estilos de vida saudables, a seguridade acuática, programas de igualdade e inclusión, iniciativas de concienciación ambiental e actividades de voluntariado e dinamización comunitaria.

Info e foto: Concello da Laracha

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde