Brais Pensado, do Club Sysca, convocado pola selección española para o Campionato de Europa de salvamento e socorrismo

O carballés Brais Pensado Alberti, deportista do Club Sysca, foi convocado pola selección española de salvamento e socorrismo para participar no Campionato de Europa da categoría júnior.

Terá lugar nas localidades de Szczecin e Międzyzdroje, en Polonia, do 24 ao 31 de agosto. A convocatoria júnior está formada por seis mozas e seis mozos, entre os cales se atopa Brais.

Ademais, o socorrista carballés estará presente xunto a algúns dos seus compañeiros de selección do 3 ao 7 de agosto en Salinas, en Asturias, nunha concentración enfocada a preparar as probas de praia. Días despois, do 9 ao 10 de agosto, participará, tamén a modo de preparación, representando á selección galega no Oceanperf, unha das competicións máis prestixiosas de salvamento e socorrismo que se disputa en Francia.

Esta convocatoria por parte da selección nacional supón un recoñecemento á xenial tempada de praia levada a cabo por Brais, na cal destacan os dous ouros logrados en carreira con táboa e ocean no Campionato de España júnior, así como a súa gran actuación na competición nacional da categoría absoluta a pesar de ser deportista júnior de primeiro ano.

A selección galega convoca a cinco deportistas do Club Sysca para participar no Oceanperf

A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo (FESSGA) fixo oficial a convocatoria dos deportistas que participarán no Oceanperf, na cal se atopan cinco deportistas do Club Sysca. A chamada de Sara Puñal, Paula Amado, Brais Pensado, Hugo Martínez e Samuel Quintela pon de manifesto o fantástico traballo levado a cabo polo conxunto carballés ao longo da tempada e supón un recoñecemento aos resultados obtidos por estes deportistas.

Todos eles competirán o 9 e 10 de agosto no Oceanperf, unha das mellores competicións de praia que teñen lugar en Europa e que reúne a deportistas de múltiples países. Durante estes dous días, os cinco deportistas do Sysca tratarán de facer o mellor papel posible representando a Galicia na praia de Notre Dáme, en Capbreton.

O Club Sysca ofrece prazas para os seus cursos de natación

Unha vez terminada a tempada 2024/25 con fantásticos resultados, o Club Sysca xa comeza a organizar a próxima co obxectivo de seguir competindo ao máis alto nivel tanto galego como nacional, ademais de continuar formando aos nenos desde curtas idades no mundo do salvamento e socorrismo. Para iso, o equipo carballés ofrece prazas para apuntarse aos seus cursos de natación.

A diferenza de anos anteriores, poderán apuntarse nenas e nenos desde os 3 anos. As clases serán impartidas na piscina Carballo Calero. Para coñecer máis información, o Sysca pon ao dispor dos interesados tanto un teléfono de contacto (678607294) como un correo electrónico (sysca.club@gmail.com).

Foto: Club Sysca

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas