Paula Esteiro Ramos (Camariñas, 1980) leva un ano 2022 cheo de éxitos. A deportista da Costa da Morte logrou o título da liga galega OCR 2022 e da liga OCRA Norte, ademais de ser a única española que disputou o mundial Trifecta en Grecia, no que finalizou 14ª entre as 26 participantes elite de todo o mundo.
Peski, alcume que lle puxeron con 20 anos cando vivía en Mazaricos e coñecíana como Pesca ou Pesquiña, o que derivou en Peski, alcume de agrado de Paula Esteiro e que adoita lucir na súa camisola en competición. Paula comezou a competir por primeira vez en carreiras no 2014 e a primeira proba de OCR disputouna en 2016. Desde ese momento, a camariñá estivo presente en tres mundiais en Canadá no 2017 (3ª en grupo de idade) e dúas máis en Londres (2018 e 2019). No seu historial ten un título nacional no 2017 e tres galegos no 2019, 2021 y 2022. Unha das grandes experiencias da que sente especialmente orgullosa é a súa presenza na Spartan Trifecta Grecia 2022, o mundial Trifecta. Competición que se disputou en tres días, algo que tan só realizou unha vez con motivo do mundial OCR en Londres no 2018, ao competir na distancia curta, longa e por equipos.
Na mítica localidade de Esparta, en Grecia, Peski volveu exhibir todo o seu potencial, despois de facer mil números para poder estar alí. O venres, día 4 de novembro, afrontou a modalidade Sprint, que foron 7 quilómetros con obstáculos. Ela concluíu no posto 17º entre as 26 participantes na categoría feminina elite. O sábado, día 5 de novembro, disputou a modalidade Súper, que foron 12.5 quilómetros e obstáculos, e concluíu no posto 15º entre as 26. E o último día, o domingo, 6 de novembro, afrontou a modalidade Beast, que consistiron en 25 quilómetros e obstáculos, e acabou no posto 12º entre as 24 sobreviventes.
Ao final, Peski ocupou o posto 14º da xeral. “Moi satisfeita quedei”, comentou. “O nivel foi moi alto. É certo que os obstáculos non eran moi complicados, pero os percorridos si foron moi duros e esixentes”. Paula agradece aos seus patrocinadores: Oemais, Ebroker, Shop4fit, Hotel Rey Silo Pravia, Loterías Costa da Morte, Hidro3, Mostra do Encaixe de Camariñas, Centro Dental Baldomar e Dafit.
CATRO EQUIPOS
Paula Esteiro Ramos está en catro equipos nesta tempada 2022, cos que compite en diferentes modalidades. Así, o Concobox, de Dumbría, en OCR; a SD Compostela, de Santiago, en atletismo; o Tributrail, de Serra do Barbanza, en trail, e, finalmente, está no equipo nacional de Spartan Race de España, no que figuran catorce deportistas e que afrontaron catro competicións ao longo do ano en Mallorca, Andorra, Madrid e Tenerife.
Foto: Sportograf