Pocholo: “Estou moi feliz coas oportunidades que me están dando dentro do campo”

O extremo esquerdo, Alejandro Merlán Martínez (Ferrol, 2002), coñecido no mundo do fútbol como Pocholo, cumpre a súa terceira tempada vestindo a elástica do Moeche tras anunciar o club a súa renovación.

Tras comezar a súa carreira deportiva no Meirás e pasar polo Estrella, o ferrolán recalou fai tres campañas no Moeche para achegar o seu desborde, velocidade e bo toque de balón que lle fixeron gañarse a confianza do técnico.

Cumpres a túa terceira tempada no Moeche, como te sentes?
Pois a verdade é que estou moi contento coas oportunidades que me están dando, estou moi feliz no equipo e oxalá poder seguir aquí moitos máis anos aportando todo o que poida.

Xogaches no Meirás, o Estrella e agora no Moeche, que destacarías de cada equipo?
No Meirás non tiven moita aportación dentro do campo ao ser o meu primeiro ano, pero estar nun equipo onde había tanto nivel serviume moito para aprender de bos xogadores. No Estrella déronme máis confianza e aínda que non foi unha tempada fácil, axudoume moito a coller rodaxe. A verdade é que alí me trataron moi ben e estoulles moi agradecido. E por último, agora no Moeche a verdade é que estou contentísimo, creo que estes anos tivemos un moi bo grupo e a nivel persoal estou moi feliz coas oportunidades que me están dando dentro do campo.

Que obxectivos tes a nivel individual e colectivo este ano na Terceira Futgal?
A nivel individual nunca me adoito poñer obxectivos, con axudar todo o que poida ao equipo e conseguir vitorias éme suficiente. A nivel colectivo, se lle preguntas a calquera xogador do equipo, vai dicir que temos a ilusión de estar arriba na clasificación para poder devolver ao Moeche onde se merece.

Cal foi o teu momento máis especial dentro do terreo de xogo?
Pois o meu momento máis especial creo que foi cando gañamos a Copa Consolación o ano pasado. A verdade é que conseguimos unha boa serie de invictos e gozamos moito de poder conseguir esa copa xunto a todos os meus compañeiros.

Fotos: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas