O ariete Raúl Corzón Mato (Cee, 2001) criouse en Pazos de Vilar e formouse na base do Sporting Zas, sendo esta a súa segunda tempada no primeiro equipo tras pasar polos cadetes do Soneira, o xuvenil e o primeiro equipo do Baio e do Cabana, e o Laracha.
É un dos principais referentes do seu equipo, opinando que ve ao conxunto zaense “ben, pero fáltanos unha marcha aínda, porque temos momentos de demasiada relaxación, pero nos partidos máis importantes si que demostramos un bo nivel e con bo traballo”.
Disputa o pichichi con Isma e Adrián, opinando que “nunca me vin nunha situación así, porque nunca fun de marcar moitos goles. É unha boa sensación estar a pelexar cos mellores goleadores da liga”.
Sobre o porteiro máis difícil ao que se enfrontou, Raúl coméntanos que “non sabería dicirche un porque este ano estame indo bastante ben e o obxectivo que me puxen foi marcarlle a todos os equipos, pero si que houbo partidos con moi boas actuacións, como o último co Sofán, ou o de Cerqueda na ida, que fixese bo partido, houbo varios, pero non sabería dicirche un”.
Para Raúl, o mellor momento na súa carreira foi “o último ano de xuvenís en Cabana, estabamos a gozar moito e con opcións para gañar a liga con amigos, e ao ano seguinte fixemos o propio gañando o grupo da Liga da Costa co Cabana, podendo xogar a fase de ascenso. Oxalá que esta tempada sexa o mellor recordo ata o momento, xa que volvo estar con compañeiros cos que me criei e podemos facer algo bonito”.
Foto: Neypa Fotografía