O conxunto ferrolán segue invicto no seu feudo tras empatar por 2-2 nun bonito duelo de bo fútbol ante o Osasuna na cuarta xornada da Primeira División de Fútbol Sala.
A Malata acollía a cuarta xornada de O Parrulo na noite de onte, recibindo a un Osasuna que levaba o mesmo balance que os locais, con dúas vitorias e unha derrota. Gerard Casas confeccionaba o seu quinteto para tratar de conquistar os tres puntos con Mati Starna, Rubén Orzáez, Novoa, Diogo e Gonzalo, mentres que Miguel Hernández saía co cinco de inicio formado por Asier Lamas, Albert Ortas, Pachu, Ion Cerviño e Korsun.
O partido empezou moi intenso, cos ferroláns chegando ás inmediacións da meta defendida por Asier Lamas, que sería protagonista aos tres minutos de xogo cun paradón tras un disparo de Novoa. Posteriormente, Gonzalo dispoñería dunha dobre ocasión tras unha xogada ensaiada nun saque de falta, pero o seu disparo foi repelido primeiro polo gardameta e despois golpeaba na parte exterior do poste. Tamén cobraría protagonismo Starna sacando unha man prodixiosa a un disparo de socato de Cerviño.
Preto do ecuador do primeiro tempo o Osasuna comezou a chegar con claridade á portería ferrolá, e nunha falta adiantaríase no marcador cun lategazo de Saldise, que tivo que ser revisado polos colexiados, pero finalmente concederían o tanto. Na seguinte xogada tiveron unha clara para aumentar a vantaxe tras unha vaselina de Cerviño a Starna, pero o balón estrelábase no traveseiro. O Parrulo non se engurraba a pesar da presión dos visitantes, e nun contragolpe devolvería as táboas ao electrónico nun tres contra un que lideraba Rubén Orzáez tras roubar o balón, tocaba para Turbi, que lla devolvía, e Orzáez batía por abaixo a Lamas.
O partido entraba nun correcalles, con moita velocidade e chegadas continuas ás dúas porterías. Starna evitaría o segundo tanto visitante cunha boa parada co pé ante o disparo de Linhares e Penezio replicaría con outra oportunidade para os locais nunha xogada individual, índose da súa marca, pero no man a man Lambas facíase xigante e lograba atallar. O marcador non se volvería a mover no primeiro tempo e os dous equipos marcharíanse aos vestiarios.
O segundo acto comezou cun Osasuna máis ofensivo e que trataba de facer dano con balóns filtrados. Os de Miguel Hernández estaban a atopar espazos, pero entre Mati Starna e a defensa, conseguían desbaratar varias ocasións consecutivas. O propio gardameta sacaría unha dobre oportunidade aos visitantes evitando un man e man e a continuación parando un forte disparo. Pero cando se cumprían dez minutos do segundo tempo, o Osasuna poñeríase outra vez por diante tras recortar Saldise na frontal da área e bater a Mati Starna, sumando o seu dobrete particular.
O tanto en contra espertaba aos ferroláns, que comezaban a asediar a área visitante en busca do empate. A falta de tres minutos por xogarse, Gerard Casas saía con Penezio como porteiro-xogador. O Parrulo conseguía encerrar ao Osasuna aproveitando a superioridade numérica e á segunda chegada producía efecto cando un centro ao segundo pau rebotaba en Saldise e anotaba en propia portería para igualar a contenda. Os ferroláns ían a por todas e sen renunciar o último minuto á vitoria, continuaron con Penezio en busca do terceiro, pero o resultado xa non se volvería a mover, quedando o resultado de 2-2 e repartíndose os puntos as dúas escuadras. Na próxima xornada, os de Gerard Casas visitarán ao Viña Albali Valdepeñas.
O PARRULO: Mati Starna, Rubén Orzáez, Diogo, David Novoa e Gonzalo Santa Cruz; tamén xogaron Turbi, Jhoy, Xavi Cols, Jon, Penezio, Iván Rumbo e Vukmir.
CA OSASUNA MAGNA: Asier Lamas, Albert Ortas, Pachu, Ion Cerviño e Korsun; tamén xogaron Saldise, Linhares, Cuello, Gustavo, Mendive e Aimar.
GOLES: 0-1 Saldise (9′), 1-1 Rubén Orzáez (12′), 1-2 Saldise (31′) e 2-2 Saldise (39′ en propia).
ÁRBITROS: Carlos Panadero, Hector Mayo, Iria de Luis (árbitro 3) e Eva López (cronometradora). Amoestaron aos locais Diogo, Gonzalo e Novoa e aos visitantes Cuello e Cerviño.
INCIDENCIAS: Cuarta xornada da Primeira División de Fútbol Sala celebrada no Pavillón A Malata.
Foto: sadmoody241




