Vítor Recarei Añón (Carballo, 1982) desde o 10 de xaneiro do presente ano deixou de ser o subdelegado da Delegación de Árbitros de Fútbol da Costa.
Vítor asumiu ese cargo desde a creación da subdelegación, que tivo lugar en xaneiro do 2017, e comezou a funcionar como tal na campaña 2017-2018. Nesa tempada, o colectivo contaba con 22 colexiados, algo que na actualidade ascende a 38. O labor de Vítor Recarei sempre foi dialogante, disposto a traballar sen mirar a hora e pode presumir de estar sempre ao dispor dos clubs da Costa ata o último día. Ademais de subdelegado tamén realizaba as funcións de colexiado, algo que seguirá facendo polos campos da Costa. Os motivos da súa renuncia non foron por discrepancias coa Delegación da Coruña, da que depende desde a chegada á mesma como delegado Rubén Eiriz Mata, en marzo do 2021.
NOTA DE PRENSA: Colectivo Arbitral de Fútbol da Costa da Morte
«Tras case 6 anos de vida, a subdelegación de árbitros da Costa vese obrigada a parar. Non o fai por gusto, se non por que o seu motor, Vítor Recarei, viuse obrigado a renunciar ao seu cargo. Os árbitros da Costa non entendemos unha subdelegación sen el, polo que faremos o que estea nas nosas mans para reverter esta situación. Dende o cambio do equipo directivo da delegación da Coruña, á cal pertencemos, a relación foise enturbando, porque nunca quixeron entender o noso funcionamento e tampouco o respectaron, chegando a superar uns límites aos cales non estamos dispostos a aceptar. Quen coñeza minimamente a Vítor comprenderá que este conflito non nace nel e que a vía do dialogo sempre está por diante, como nos consta que así foi nas últimas semanas antes de chegar a este punto. Sentimos os contratempos e prexuízos causados ás diferentes partes. Agardamos que se propoñan solucións reais a este problema e que volva a normalidade canto antes, o noso interese e seguir polos campos e pasar o máis desapercibidos posible.»
ÁRBITROS DA COSTA: Volveron pitar despois de activarse as vías de dialogo para liquidar as discrepancias actuais
Os colexiados da Costa volveron aos campos esta fin de semana do 21 e 22 do presentes mes de xaneiro de negarse a facelo na pasada tras a dimisión do seu delegado, Vítor Recarei, fronte ao Comité de Árbitros de Fútbol. A luz verde é motivado despois dunha reunión que realizaron o presidente do Comité Galega, Bernardino González Vázquez, e Vítor Recarei. Nela púxose sobre o tapete o activar a vía de diálogo para tentar liquidar as discrepancias entre a subdelegación da Costa e a delegación da Coruña. Así que neste impás, os colexiados costeiros regresarán para cubrir ao cento por cento os partidos da fin de semana. Todo indica que se está no camiño de romper as hostilidades, aínda que iso non quere dicir que se vaian a solucionar, senón que hai un dialogo, do que sairá a decisión final, na que todos esperan que se volva á normalidade futbolística que tiña a Costa antes de suscitarse estas disensións.