O conxunto ferrolán levou unha plácida vitoria por 100-64 ante o equipo checo do SBS Ostrava noutra noite máxica europea.
Coa vitoria conseguida na primeira xornada ante o conxunto portugués do Benfica, o Baxi encaraba o segundo encontro do grupo K da Eurocup Women recibindo en casa ao equipo checo do SBS Ostrava dirixido por Iveta Raskova. Por parte da escuadra de Lino López, saíron no quinteto inicial Karolina Sotolova, Moira Joiner, Blanca Millán, Elena Rodríguez e Dalayah Daniels, mentres que as visitantes formaron con Eliska Kubickova, Ive Belosevic, Michaela Vackova, Tereza Halatkova e Oliana Squires.
O primeiro cuarto transcorreu sen un claro dominador, compaxinando minutos de pouca efectividade con outros nos que entraba todo. O Baxi buscaba acometidas rápidas, guiadas polo bo xogo interior de Daniels, que á súa vez, estaba apoiada polos lanzamentos exteriores de Melia e Joris desde a liña de tres, pero o equipo checo respondía de inmediato e evitaba que as ferrolás se marchasen no electrónico, pechando o primeiro acto cun axustado 19-17.
Todo ía cambiar no segundo cuarto, no que as de Lino López meteron unha marcha máis e desde a liña de tres ían marcando o camiño con Blanca Millán, Karla Erjavec e Claire Melia como protagonistas. Daniels e Joiner uníanse á festa para poñer unha vantaxe no marcador de 9 puntos arriba cando restaban pouco menos de catro minutos para o descanso. As checas trataban de reaccionar, pero sería o Baxi quen levaría novamente a batuta e pechaba o segundo cuarto cun triplo de Daniels que deixaba un 47-35.
Tras a continuación, o Baxi comezaba ben, mantendo a distancia e marchándose ata os 14 puntos, pero uns minutos sen moito acerto propiciaba que as checas, máis efectivas en ataque, acurtasen a distancia. O Baxi aceptaba o desafío e Moira Joiner sacaba o seu fusil para anotar dous triplos consecutivos, aínda que entre Squires e Belosevic, lograban manter vivas ás checas. As locais pisaban unha vez máis o acelerador e cun parcial de 12-0 pechaban o terceiro acto co partido visto para sentenza co resultado no marcador de 72-51.
O último cuarto sería un auténtico vendaval do Baxi, que cheiraban o sangue do seu rival cabizbajo e aproveitarían para abrir unha considerable brecha no electrónico chegando a poñerse 26 arriba a seis minutos do final cun bonito duelo de triplos entre Erjavec e Joris, que sumaban un par cada unha. As de Lino López voaban cara á segunda vitoria nunha plácida noite na que Elena Rodríguez estreaba a súa marcadora persoal con cinco puntos e mesmo as canteirás Elena Baldonedo e Irene Somorrostro terían un minuto de xogo, estando a punto a primeira de anotar na última xogada do partido. O MVP foi para unha espectacular Blanca Millán con 30 de valoración, mentres que a americana Daniels foi a máxima anotadora do encontro con 19 puntos.
O vindeiro mércores 22 de outubro ás 18:00 horas o Baxi disputará a terceira xornada da Eurocup Women ante o equipo polaco do MB Zaglebie Sosnowiec no Ala Widowiskowo-Sportowa.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 100-64 SBS Ostrava
BAXI FERROL: Karolina Sotolova (2), Moira Joiner (17), Blanca Millán (16), Elena Rodríguez (5) e Dalayah Daniels (19); Karla Erjavec (12), Ine Joris (17), Alba Sánchez-Ramos (4), Claire Melia (8), Elena Baldonedo (0) e Irene Somorrostro (0).
SBS OSTRAVA: Eliska Kubickova (7), Iva Belosevic (10), Michaela Vackova (2), Tereza Halatkova (4) e Oliana Squires (16); Veronika Szabo (0), Aleah Nelson (12), Katerina Kanova (2), Marina Ewodo (6) e Lucie Valkova (5).
CUARTOS: 19-17; 47-35 (28-18), 72-51 (25-16); 100-64 (28-13).
ÁRBITROS: Jules Gaduel, Jurgen Muho e Pierre Gilis.
INCIDENCIAS: Segunda xornada da Eurocup Women celebrada no Pavillón de A Malata.




