O equipo carballés culmina os campionatos autonómicos con podio en case todas as categorías.
O Club Sysca fíxose co subcampeonato das categorías xuvenil, júnior e absoluto tras a gran actuación dos seus deportistas no Campionato Galego de praia. Desde o venres ata o domingo, a praia coruñesa do Orzán foi o epicentro do salvamento e socorrismo autonómico, na cal se reuniron máis de 200 socorristas pertencentes a 11 equipos distintos. Tras os resultados obtidos, o conxunto de Carballo conclúe os campionatos galegos de augas abertas con podio en case todas as categorías.
Durante todo o venres e a mañá do sábado foi a quenda de xuvenís e júniores. Na categoría xuvenil, unha das máis destacadas foi Sara Puñal, que se fixo co ouro en carreira con táboa, ao que engadiu os dous bronces obtidos en ski e ocean. Álvaro Lavandeira tamén se subiu todo o máis alto do podio en nadar surf, ademais de conseguir un bronce en ocean. Nas probas de area, Antía Cousillas logrou unha prata en bandeiras e un bronce en sprint, mentres que Raquel Suárez foi cuarta en bandeiras e quinta en sprint. En canto aos relevos, tanto o conxunto feminino como masculino levaron tres pratas e un bronce, e o mixto alcanzou o segundo posto.
Pola súa banda, entre os deportistas júniores cabe mencionar a Brais Pensado, que sumou un ouro en ocean, así como dúas pratas, tanto en ski como en carreira con táboa. Na proba de bandeiras, as dúas primeiras prazas estiveron copadas por Noah Quintela e Kevin Pallas, primeiro e segundo, respectivamente. Tamén tiveron un bo papel Andrea Eirís, Aroa Sequeiro e María Puga, que se coaron entre as cinco mellores en varias probas e estiveron na pelexa polas medallas. Por relevos, o equipo feminino fíxose cun ouro e un bronce, mentres que o masculino obtivo un ouro, dúas pratas e un bronce. Ademais, o relevo mixto terminou en terceira posición.
O campionato absoluto disputouse o sábado pola tarde e o domingo pola mañá. Unha das probas máis destacadas foi a de sprint masculino, dominada polo Sysca, con catro deportistas nas catro primeiras posicións. Samuel Quintela logrou o ouro; Javier Agrelo, a prata; Noah Quintela, o bronce; e Kevin Pallas, o cuarto posto. Na outra proba de area, en bandeiras, Samuel repetiu no máis alto do podio, mentres que, neste caso, Noah foi segundo e Javier, terceiro.
Por outra banda, Paula Amado e Hugo Martínez impuxéronse a todos os seus rivais para facerse co ouro en bandeiras e ocean, respectivamente. Tamén obtiveron medalla Brais Pensado, segundo en ski, e Anxo López, segundo en ocean. A pesar de ser xuvenil, Sara Puñal tivo unha destacada actuación na proba de ocean, na que foi quinta e quedou ás portas do podio. Por equipos, a relevo masculino sumou catro ouros tras impoñerse en todas as probas disputadas, mentres que as mozas obtiveron unha prata e dous bronces, ao que hai que engadir a prata lograda polo relevo mixto.
Unha vez finalizados os campionatos galegos, para algúns deportistas do Sysca xa é quenda de pensar nos nacionais. O primeiro deles será o de infantís e cadetes, que competirán na praia do Gurugú (Castellón) do 4 ao 6 de xullo. Os seguintes serán os xuvenís e júniores, que o farán do 7 ao 9 de xullo, mentres que o campionato absoluto disputarase entre o 11 e o 13 do mesmo mes.
Foto: Sysca Salvamento