RACING CLUB FERROL: Sete xornadas consecutivas puntuando

Os de Cristóbal Párralo están a atravesar un bo momento de forma e proba diso está nas sete xornadas consecutivas que o Racing consegue sumar puntos.

Tras o parón do Nadal os ferroláns perderon un partido ante o Celta B por 1-0, empataron en catro ocasións ante o Real Madrid Castilla 0-0, coa AD Ceuta 1-1, coa Cultural Leonesa 0-0 e co Linares Deportivo 1-1, e venceron en tres partidos ante a UD Sanse por 3-0, ao Fuenlabrada por 3-0 e ao Pontevedra por 2-0. Un balance que lle serviu para permanecer en postos de ascenso.

Ante o Linares Deportivo da pasada xornada o Racing mereceu máis. Dominou no xogo e buscou a vitoria os 90 minutos de encontro. Parralo sacou no once de inicio a Gazzaniga, Enol Coto, Fornos, David Castro, Aitor Pascual, Manzanara, Jesús Bernal, Luis Chacón, Carlos Vicente, Héber e Manu Justo.

Na primeira metade, as ocasións chegaban por parte do conxunto ferrolán, nas que un activo Luis Chacón gozou da primeira ocasión seria tras rematar desde a frontal da área un pase cara atrás de Carlos Vicente e que Ernestas conseguía deter por abaixo. Pero sería o Linares Deportivo quen golpearía primeiro nunha desafortunada xogada na que David Castro despexaba, pero o balón rebotaba nun xogador local e caía aos pés de Hugo Díaz que non fallaría no man a man con Gazzaniga.

O Racing non veu abaixo e buscou empatar o encontro antes do descanso e estivo preto de conseguilo tras un disparo de Héber que despexa baixo os paus Ernestas e o rexeite cázao Carlos Vicente pero envíao alto.

Tras o descanso, o Racing seguía apertando, aínda que sen crear ocasións de perigo nos primeiros minutos. No ecuador do segundo tempo, Héber deixaba un pase atrás para Álex López, que entrara no 56’, pero o balón marcharíase por encima da portería defendida por Ernestas.

O Linares puido sentenciar nun bo remate acrobático de Samu Corral tras un centro de Fermín, pero o balón estrelábase no lateral da rede.

Pero finalmente o conxunto galego dirixido por Parralo atoparía o premio no 81’ cando Álex López centraba o balón ao segundo pau por onde Héber entraba como un raio e rematábao de primeiras para poñer o empate 1-1 no marcador.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas