O campo Río Seco de Narón acolleu a primeira edición da Copa Deputación da Coruña na que formaron parte os campións copeiros da Coruña, A Costa da Morte, Ferrol e Sar nas categorías masculina e feminina.
Desde o equipo de Bisbarra en xogo tivemos a honra de entrevistar ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para coñecer as súas impresións acerca deste campionato e do fútbol galego en xeral.
Que sente ao conseguir Narón como sede da primeira edición da Copa Deputación da Coruña?
Para nós, tentar estender a práctica deportiva por toda a provincia é un obxectivo. Non só ás grandes cidades, senón tamén ás vilas que teñan unha infraestrutura mínima que sirva para disputar a Copa Deputación. Neste caso tócalle a Narón, que é unha vila representativa da comarca, a xente respondeu considerablemente e a verdade é que estamos moi satisfeitos.
Que che pareceron as instalacións de Río Seco?
Moi ben, é un modelo de campo distinto porque ten as pistas de atletismo ao redor que, aínda que hai distancia entre a bancada e o campo ou que pode parecer que perda un pouco de calor, a xente vive o fútbol en calquera condición e as instalacións están fantásticas.
Viches bo nivel nos partidos?
Eu creo si, a verdade só puiden ver a final e foi moi intensa ata o último minuto. Rozou a necesidade da quenda dos penaltis e ademais hoxe despedíanse dous xogadores despois de vinte anos practicando semiprofesionalmente o fútbol.
Que supón para o fútbol galego ter a posibilidade de meter a un novo equipo na previa da Copa do Rei?
Eu creo que está nun bo momento o fútbol galego, co Racing ou o Dépor no seu mellor momento, recuperando posicións, e unha cantidade de triunfos nas canteiras dos distintos equipos da provincia, que é o que a nós motívanos en realidade. Está ben o Dépor, evidentemente, ou o Racing, que son o tractor que tira da ilusión da canteira, pero é importante que os rapaces teñan o seu papel protagonista nas competicións deportivas e este ano foi excepcional.
Ás veces pensamos que o fútbol é só o Real Madrid ou o Barça, crees que deberiamos darlle máis importancia ao fútbol afeccionado e achegalo máis ao público?
Creo que as dúas cousas son importantes, porque ao final estamos a ver que a selección española tira de toda a práctica deportiva. O fútbol ilusiona aos rapaces e aos maiores, e ao final apostar polo fútbol profesional, consentilo, valoralo, é moi importante, pero sen esquecer que como administracións noso deber constitucional é fomentar o deporte base. É unha práctica de hábitos saudables, de incorporación de valores, sobre todo de esforzo, traballo en equipo, solidariedade, que se consegue se es capaz de incorporalos desde moi rapaces nas canteiras dos equipos. Por tanto, creo que o fútbol afeccionado e o fútbol base son o obxectivo de calquera administración.
As entradas da Copa Deputación da Coruña son gratuítas, cres que é unha das claves principais para achegar máis ao público?
A clave é facer as cousas ben, apoiar aos equipos e que os equipos teñan interiorizado que teñen un labor fundamental na coeducación dos rapaces, tendo unha capacidade de influencia na mocidade ata o punto de que probablemente sexa o único motivo polo que deixen a PlayStation ou non acendan a televisión. O feito de que poidan xogar ao fútbol é un aliciente tan forte que hai que manexalo con moita responsabilidade por parte dos clubs. As administracións temos que concienciar sobre ese valor e por tanto creo que a clave para que teña ese éxito son os pais, nais, avós, o que queremos é que os rapaces se desenvolvan conforme a eses valores e está claro que a práctica deportiva é unha aposta clara desde calquera familia.